Preguntas frecuentes

PREGUNTAS FRECUENTES DOS PARTICIPANTES

Sobre o estudo

Quen promove o estudo Cohorte IMPaCT?

A Cohorte IMPaCT está dirixida polo Centro de Investigación Biomédica en Rede (CIBER) de Epidemioloxía e Saúde Pública do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII). O estudo está financiado con fondos públicos do ISCIII e a Unión Europea. É o maior estudo realizado ata o de agora en Atención Primaria de Saúde en España, e nel participan os Servizos de Saúde de todas as Comunidades e Cidades Autónomas (Ceuta e Melilla) de España, así como o Instituto Nacional de Estatística.

Que é unha cohorte? Que é a cohorte IMPaCT?

Unha cohorte é un conxunto de persoas estudadas ao longo do tempo para coñecer mellor a magnitude dos principais problemas de saúde, e identificar as súas posibles causas.

Específicamente, o obxectivo da Cohorte IMPaCT é coñecer os determinantes sociais, ambientais e biolóxicos da saúde e as enfermidades de maior importancia en saúde pública en España. Para iso, estamos a construír unha gran cohorte en España, na que participarán, contando contigo, polo menos 200.000 persoas, ás que se lle realizará un seguimento do seu estado de saúde durante 20 anos.

Por iso, a Cohorte IMPaCT será unha gran infraestrutura pública de investigación da saúde, que permitirá á comunidade científica coñecer mellor como previr as enfermidades, a deterioración funcional asociada á idade, as lesións e a discapacidade.

Podo participar de forma voluntaria no estudo?

Desde os centros de saúde da Cohorte IMPaCT poñeranse en contacto co conxunto de participantes seleccionados aleatoriamente. A invitación é persoal, e non se estende a outras persoas do teu núcleo familiar ou coñecidos. Grazas a esta forma de selección aleatoria, este estudo representará mellor á poboación residente en España.

Podo retirarme do estudo en calquera momento?

Si, podes decidir participar nunha visita e logo cambiar de opinión, aínda que os datos e resultados obtidos ata ese momento seguirán formando parte do estudo. Igualmente, a doazón de mostras biolóxicas é totalmente voluntaria. Se cambias de decisión, destruiranse as mostras almacenadas, aínda que isto non afectará as investigacións realizadas ata ese momento. Lembra que a túa participación é completamente voluntaria e podes interrompela cando desexes.

Teño varias dúbidas antes de aceptar participar, podo ir á primeira visita para informarme e logo rexeitar entrar no estudo?

Os profesionais do estudo explicarancho en detalle na primeira visita ao centro de saúde.

Sobre a miña participación

Chamáronme para participar no estudo, que beneficios obteño da miña participación? por que debería de participar?

Coa túa participación, estarás a contribuír a mellorar o coñecemento científico e a mellorar o estado de saúde de persoas coma ti. Especificamente axudarás ao desenvolvemento da Medicina de Precisión; desta forma poderase propoñer a cada paciente o tratamento que máis se axuste ás súas características persoais e que poderá producirlle maiores beneficios de saúde. Tamén grazas á túa axuda avanzarase na Saúde Pública de Precisión, identificando as políticas de saúde que máis beneficios produzan a cada grupo concreto de poboación.

Coa túa participación, España poderá crear unha gran cohorte, ao mesmo nivel que outros países de referencia como Reino Unido, Alemaña, Francia ou Estados Unidos.

En que consiste a miña participación? Que teño que facer se me seleccionan?

Se te seleccionan para participar, recibirás unha carta oficial seguida dunha chamada telefónica na que se acordará contigo unha cita para acudir ao Centro de Saúde máis próximo ao teu domicilio.

Na primeira visita, explicarémosche en que consiste o estudo, resolveremos as túas dúbidas e solicitaremos o teu consentimento para participar.

Ao longo de varias visitas, que se programarán segundo as túas necesidades, realizaránseche algunhas probas físicas de saúde.

Pedirémosche que enchas uns cuestionarios sobre a túa saúde, xa sexa en liña ou de forma presencial no centro de saúde coa axuda do noso persoal técnico.

O persoal de enfermería do centro de saúde tomarache mostras de sangue e pedirémosche que recollas no teu domicilio mostras de ouriños, feces e uñas. Todo isto repetirémolo cada 5 anos.

Doutra banda, pedirémosche permiso para que o persoal do estudo acceda á túa historia clínica e á información dispoñible sobre ti nas bases de datos do Instituto Nacional de Estatística.

En que consiste o exame físico? Que probas van realizarme exactamente?

O exame físico que realizaremos incluirá:

  • Medición de peso, talla e circunferencia da cintura
  • Determinación da composición corporal (% de auga corporal, % de graxa…)
  • Forza de man
  • Obtención de imaxes do músculo das extremidades e do tecido adiposo abdominal mediante ecografía
  • Medición da actividade física e a conduta sedentaria e o descanso durante 7 días (cunha pulseira de actividade e un pequeno monitor na coxa que che proporcionaremos)
  • Capacidade cardiorrespiratoria sobre unha bicicleta estática
  • Electrocardiograma
  • Índice Nocello-Brazo (indica o risco de enfermidade arterial das pernas)
  • Medición da tensión arterial durante 24 horas (cun dispositivo tipo holter que che proporcionaremos)
  • Obtención de imaxes do corazón mediante ecografía
  • Valoración do rendemento físico en maiores de 65 anos
  • Proba de audición
  • Exame de saúde bucodental
  • Determinación do risco de diabetes tipo 2
  • Función cognitiva mediante tests cognitivos de curta duración
Canto sangue me van sacar?

Extraerémosche 8 tubos de sangue, en total uns 50 ml.

Cada canto tempo terei que ir facerme estes exames de saúde?

Os exames de saúde e a extracción de mostras de sangue realizaranse cada 5 anos. Doutra banda, cada certo tempo, enviarémosche pequenos cuestionarios sobre novos datos de interese sobre o teu estado de saúde, xa sexa en liña ou, se o prefires, nas nosas instalacións.

Cales son os riscos da miña participación?

A toma de mostras de sangue (venopunción) pode provocar unha sensación de ardor no punto de entrada da agulla na pel e un pequeno hematoma ou unha leve infección, que desaparecerá en poucos días. Máis raramente, pode ocasionar mareo durante a extracción de sangue. O persoal de enfermería estará atento a estes posibles efectos. Igualmente, o persoal IMPaCT prestará atención a calquera molestia ou problema que poida xurdir durante a exploración física. Ademais, o estudo conta cun seguro de responsabilidade civil que cobre calquera posible problema.

Estou embarazada, podo realizar todas as probas sen risco?

Se estás embarazada poderemos realizar en xeral todas as probas físicas, fóra dalgunhas como a capacidade cardiorespiratoria.

Son unha persoa maior/persoa dependente, podo ir acompañado/a ás visitas?

Si, podes vir acompañado/a por unha persoa se así o desexas

Quixese participar no estudo, pero hai certas probas que non me gustaría realizar. Podo negarme e continuar no estudo?

Si, podes decidir voluntariamente non participar nas probas que non queiras. Con todo, rogamos, sempre que sexa posible, que nos permitas realizar todos os exames, para que achegue o maior número de datos posibles.

Necesitarei un xustificante da miña participación para entregar no meu centro de traballo/estudos, poderán proporcionarmo?

Si, entregarémosche un xustificante de participación en cada visita se o precisas.

Vanme pedir algún dato por teléfono? Teño que pagar algo por participar no estudo?

Non, non che imos pedir ningún dato persoal por teléfono, só te chamaremos para concertar unha cita no Centro de Saúde.

Non tes que pagar nada por participar no estudo. Se recibes algunha chamada fraudulenta ou sospeitosa solicitando datos persoais ou diñeiro en nome da Cohorte IMPaCT rogámosche que te poñas en contacto connosco no teu Centro IMPaCT.

Sobre as probas físicas

Como é a proba para determinar a composición corporal?

Esta proba, chamada bioimpedancia, consiste en medir a resistencia que opoñen os tecidos do corpo ao paso dunha corrente eléctrica de moi baixa intensidade. Con ela, podemos saber a proporción aproximada de graxa e músculo dunha persoa. A proba é totalmente segura para todas as persoas.

Como medirán a forza da man?

Mediremos a forza da man cun dinamómetro. Simplemente terás que facer forza apertando o instrumento coa man. Repetiremos esta proba tres veces, para obter unha medida máis exacta.

Como se fai a medición ecográfica muscular e de tecido adiposo?

Utilizaremos un ecógrafo para realizar determinadas medidas sobre o músculo do cuadríceps na coxa, así como da graxa na zona abdominal.

Como se vai a medir a actividade física durante 7 días?

Farémolo con dous dispositivos. Un deles, para levar na boneca, é similar a un reloxo intelixente ou pulseira de actividade. O outro, é un pequeno dispositivo que colocaremos na coxa. O persoal IMPaCT darache, configurará e colocará ambos dispositivos. Aos 7 días, na túa próxima visita ao Centro de Saúde, entregarás os mesmos ao persoal.

Que é a proba índice nocello brazo e como se realiza?

A proba do índice nocello brazo indica o risco de sufrir enfermidade arterial periférica. Esta enfermidade é consecuencia do estreitamento das arterias, o que provoca unha redución do fluxo sanguíneo nos brazos e pernas.

A proba consiste en medir e comparar a presión arterial no nocello e do brazo. É unha proba rápida e non invasiva que dura uns poucos minutos.

Que é un MAPA? En que consiste esta proba?

Un MAPA é un monitor ambulatorio da presión arterial. Este dispositivo portátil utilízase para rexistrar a medida da presión arterial dunha persoa durante 24 horas. O dispositivo será programado polo noso persoal técnico para tomar medidas cada 20 minutos durante o día e cada 30 minutos durante a noite.

Como será a proba para comprobar a capacidade cardiorrespiratoria?

Utilízase unha bicicleta estática modificada na que se cuantifica a resistencia ao pedaleo. Dependendo do teu estado de saúde, realizarás unha modalidade da proba ou outra.

Á vez, tomaremos datos relativos á túa frecuencia cardíaca e realizarémosche un electrocardiograma.

Como serán as medicións ecocardiográficas?

Co uso dun ecógrafo tomaremos diversas imaxes do teu corazón desde distintos planos. Trátase dunha proba indolora que proporciona unha ampla cantidade de datos sobre a estrutura e función do corazón, que serven como importantes preditores do risco de ter enfermidades cardiovasculares.

Que é a SPPB ou batería curta de rendemento?

Trátase dunha proba que realizaremos a maiores de 65 anos. É utilizada para avaliar o funcionamento das extremidades inferiores. Consiste nunha serie de probas breves nas que se medirá o tempo de permanencia en equilibrio, de velocidade da marcha (4 metros de distancia) e levantarse dunha cadeira 5 veces. Se houbese dificultades para a realización dalgunha proba esta deterase.

Como é a proba de audición?

Con esta proba avaliaremos a túa capacidade auditiva e limiar de audición. Para iso utilizaremos a aplicación AudCal e uns auriculares, simplemente terás que ir indicándonos cando oes os sons de distintas frecuencias que che iremos poñendo.

Que se vai a facer no exame de saúde bucodental?

Con esta proba preténdese ter unha idea xeral da situación da túa saúde bucodental. Para iso determinaremos o número e condición dos dentes presentes (naturais ou postizos fixos), próteses removibles, así como síntomas e signos de trastornos da articulación temporomandibular.

Como se analiza o risco de diabetes tipo 2?

Utilizamos o cuestionario Finnish Diabetes Risk Score (FINDRISC), unha das ferramentas máis eficaces para previr a diabetes. Trátase de 8 sinxelas preguntas que nos axudarán a detectar o risco de padecer diabetes tipo 2 ou a identificar a persoas con diabetes non coñecidas.

Que son os tests cognitivos?

Son unha serie de probas breves usadas para determinar o estado cognitivo. Utilizaremos probas con fotos (Fototest), símbolos (Test de símbolos e díxitos) e palabras (Mini-Cog).

Recomendacións para as visitas ao centro IMPaCT

Debo levar algunha documentación concreta para as visitas?

Pedirémosche que nos facilites o teu número da seguridade social, así como outros datos da túa tarxeta sanitaria. Polo que che pedimos que a traias contigo.

Na primeira visita pedirémosche varios teléfonos de contacto (móbil, domicilio, traballo), así como o número dalgún familiar ou coñecido para poder contactarte no futuro en caso de necesidade.

Recomendacións sobre roupa e calzado

O día da visita da configuración do MAPA, debes acudir ao Centro IMPaCT con roupa cuxas mangas sexan anchas, ou ben en manga curta, para permitir a colocación do brazalete no antebrazo. Con todo avisaráseche con antelación.

Igualmente, recomendamos que veñas ás visitas con calzado e roupa fácil de quitar debido a que necesitaremos que a quites para realizar algunhas probas. Unha das probas é similar a unha bicicleta estática, polo que convén vir con roupa e calzado cómodo.

Que día debo acudir en xaxún?

Tomarémosche mostras de sangue para efectuar diversas análises, o persoal IMPaCT avisarache do día que vai realizarse para que acudas ao Centro de Saúde en xaxún.

Sobre os datos obtidos da miña participación

Como se van a tratar os meus datos persoais?

A recollida e tratamento de datos persoais que se necesitan para este estudo trataranse de acordo ao Regulamento (UE) 2016/679 Xeneral de Protección de Datos, a lei Orgánica 3/2018 de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e á Lei 14/2007, do 3 de xullo de investigación biomédica. O responsable do tratamento dos seus datos é o CIBER, ante quen pode exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación, oposición ao seu tratamento e portabilidade dos datos. A información usarase co seu consentimento e/ou por interese público no ámbito da saúde pública, ou o cumprimento de obrigas legais.

Os resultados obtidos nas probas, son confidenciais?

Os resultados das probas físicas e as mostras biolóxicas trataranse confidencialmente. Para iso, asignaráselles un código que só o investigador, o persoal involucrado na Cohorte e o biobanco poderán vincular contigo.

Excepcionalmente se o persoal IMPaCT detectase resultados que puidesen poñer en perigo a túa saúde, e sempre que deses o teu consentimento, o teu médico de cabeceira será coñecedor dos mesmos, de modo que se poida establecer o seguimento máis adecuado.

Que faremos cos resultados das probas e as mostras biolóxicas recollidas?

Ten en conta que as probas se realizan exclusivamente con fins de investigación, e a análise detallada de moitas delas (como o electrocardiograma ou as ecografías cardíaca e muscular) pode tardar en realizarse.

Coa mostra de sangue faremos análises clínicos básicos (hemograma e bioquímica), a cuxos resultados terás acceso a través da aplicación.

Todas as mostras serán almacenadas no Biobanco do Instituto de Saúde Carlos III, desde onde se distribuirán aos diferentes laboratorios nacionais ou internacionais para a súa análise de acordo aos obxectivos deste proxecto.

Van publicar as respostas do cuestionario que realice?

En ningún caso se publicarán as respostas dos cuestionarios asociados ao teu nome. É moi posible que se publiquen estudos de carácter científico cos datos solicitados do cuestionario, pero sempre se fará mantendo a confidencialidade dos participantes.

Vanme entregar os resultados das probas realizadas?

Terás acceso aos resultados informados dalgunhas probas a través da aplicación.

Onde se van a aloxar os datos persoais?

Os sistemas que conteñen os datos persoais estarán fisicamente situados na infraestrutura do CIBER (Instituto de Saúde Carlos III), ou ben noutras localizacións na nube baixo titularidade CIBER, pero sempre fisicamente no territorio da Unión Europea. Por tanto, os datos nunca sairán do ¨paraugas¨ de protección da Unión Europea.

Quen vai acceder aos meus datos persoais?

En xeral, o acceso aos datos persoais prodúcese de forma pseudonimizada, fóra das persoas encargadas das tarefas de seguimento e contacto co paciente, como o persoal técnico IMPaCT. Este acceso é estritamente necesario para poder avisar ao participante, por exemplo, ante un evento adverso. Pola súa banda, o persoal investigador non accede aos datos identificativos dos participantes.

É posible que a miña información persoal poida ser compartida por persoas non autorizadas?

Non, é un proxecto que ofrece múltiples garantías de cumprimento. Foi aprobado polo Comité de Ética do Instituto de Saúde Carlos III, así como polos respectivos Comités de Ética das Comunidades e Cidades Autónomas. Ademais, o proxecto IMPaCT ten implantadas medidas de seguridade, cumpre co principio da privacidade desde o deseño e por defecto.

Podo opoñerme ao tratamento dos meus datos no futuro? Podo revogar o meu consentimento?

Si, podes revogar o consentimento prestado. Debes ter en conta que esta revogación non afectará o tratamento dos datos realizados ata a data.

Cales son os dereitos en materia de protección de datos?

Tes os dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación do tratamento, oposición e portabilidade dos datos.